Cargando Eventos
  • Este evento ha pasado.

O obxectivo deste taller é discutir sobre o desenvolvemento histórico (as súas distintas xeracións) e a situación actual da bici-pública, nun contexto onde o “big data” asociado ás súas usuarias —a través de aplicacións invasivas— está convertendo ese servizo nun gran negocio global. Para isto, analizarase a bici-publica en relación ao actual modelo de crecemento urbano sen límites e como posible elemento de desenvolvemento da cidade en transición; tamén fronte á presión especulativa da cidade a través dos procesos de turistización e xentrificación; en relación coas poboacións cativas (nenas, maiores, mulleres, precarios ou migrantes) e o seu uso do espazo público nunha trama urbana onde o desprazamento non é a actividade prioritaria; no que se refire ás guerras culturais do coche (sinistralidade, grandes infraestruturas ou saúde pública); e ás novas axencias en torno a unha mobilidade democrática, máis alá do activismo ciclista autorreferencial.

No taller elaboráranse hipóteses sobre os modelos para as distintas escalas urbanas (incluídos operadores públicos —con/sen procesos de remunicipalización—; empresas privadas e/ou terceiro sector; e modelos mixtos). Esas propostas deben integrar a dimensión técnica (como a capilaridade e intermodalidade do servizo no conxunto da área urbana), xunto cos debates sobre a xestión dos recursos públicos, as condicións laborais, os espazos de decisión, ou a sostibilidade medioambiental do conxunto do proceso, entre outros. Ademais, intentarase elaborar unha reflexión específica ante a posibilidade de que os recentemente constituídos operadores privados asiáticos —que xa se están a introducir nas cidades de todo o planeta—, modifiquen os actuais servizos públicos de bicicleta.