Cargando Eventos
  • Este evento ha pasado.

Pasado o ecuador dos dous primeiros anos do ‘asalto municipalista’, faise urxente elaborar un balance a nivel comunicativo: valorar os resultados obtidos; e isto tanto dos dispositivos comunicativos dos que se dotou cada aposta, coma do custo político real dos ataques sufridos desde as brunetes mediáticas e do impacto social das guerras culturais. Esta reflexión resulta tanto máis necesaria cando xa empezan a soprar aires preelectorais municipais co consecuente vórtice de presións cruzadas para someter os discursos e intervencións ás axendas comunicativas propias a cada candidatura local. Neste contexto, o presente taller expón como lograr visibilizar e comunicar a orixinalidade do movemento municipalista en tanto algo moito máis ambicioso que ser unha mera maquinaria electoral e/ou de goberno?

Máis aló da conxuntura, segue pendente unha reflexión colectiva sobre o mantemento e desenvolvemento dunha esfera comunicativa e informativa propia ou ao servizo dos movementos sociais e do “desde abaixo”. Crear unha escena independente e autónoma, tanto das institucións públicas como das organizacións partidistas, que polemice coas lóxicas e tempos da representación. Máxime cando esta relega os movementos ao mero papel subalterno de representados. Cando xa coñecemos os límites e a dubidosa capacidade para chegar máis aló do estreito círculo dos e das xa convencidas do modelo comunicativo da prensa de partido. E cando se fan evidentes os límites da mera comunicación política como panca para unha transformación algo máis que meramente discursiva.

Neste taller, abordaremos ata que punto o novo medio ambiente comunicativo está a cumprir un dos seus papeis. Están a lograr os medios críticos ser un vehículo para elevar, visibilizar e publicitar as necesidades, requirimentos e propostas do social e dos movementos? Están a conseguir abrir as discusións e análises do feito e do pendente, sorteando a lousa da acusación de “traballar para o inimigo” ao facer públicos os desacertos ou carencias das apostas municipalistas? Sen ese ‘fóra’ crítico que faga bandeira da súa independencia sen perder por iso a súa capacidade de interpelación, será cada vez máis difícil construír unha mirada colectiva a longo prazo e fóra das lóxicas e intereses dos grandes aparellos políticos.