Cargando Eventos
  • Este evento ha pasado.

O sistema de Estados europeo, que inclúe a UE pero que non se limita a esta, demostrou nos últimos 10 anos que é incapaz de endereitar o curso cara o desastre no que, por vía do austericidio e das políticas contra as clases subalternas, se embarcou a si mesmo.

As posibilidades de exercer resistencia e contrapoder a través dos gobernos nacionais víronse notablemente truncadas, trala experiencia grega e a relativa neutralización do cambio institucional no Estado español. Pola súa parte, o incipiente ciclo de protestas europeo que se abriu no 2011, co seu epicentro no Estado español, non conseguiu saír das súas fronteiras a pesar de todos os intentos. A intensidade, a frecuencia e a distribución xeográfica das protestas emancipadoras no espazo europeo é sumamente débil, se exceptuamos a situación catalá, e en tal caso só no aspecto nacional, non nos sociais e os democráticos. A ausencia de ciclos de protesta nos países ricos do centro da UE, unida á explotación autoritaria e xenófoba do accionar terrorista vencellado ao ISIS, creou un enorme baleiro que foi aproveitado por movementos sociais e novos partidos políticos da extrema dereita. A elección de Macron e a nova vitoria de Merkel tan só introducen un compás de espera dese proceso de fascistización e guerra civil, de ningún xeito unha neutralización ou unha desactivación do mesmo.

O municipalismo e as radicalidades democráticas que o definen son un produto do ciclo 15M que, como este, está padecendo o obstáculo que supón a renacionalización dos asuntos políticos e sociais nos países de Europa.
O movemento municipalista no Estado español enfróntase a ese dilema: como exercer un contrapoder efectivo ao poder de mando na UE sen diluírse nas políticas de Estado e nos sistemas de partidos nacionais. A este respecto, xorden as seguintes preguntas que orientan o contido desta charla:

Pode o municipalismo converterse nun actor decisivo no Estado español sen unha política e unha estratexia europea real e eficaz?

Cales son as temáticas que corresponden ao antagonismo co poder de mando en Bruxelas, Frankfort e Berlín (débeda, municipalizacións, refuxiados, banca municipal, sector produtivo “común” entre redes de municipios, moedas municipalistas, etc.)?

É pensable e desexable unha Europa das cidades, ou trátase só dunha narrativa que non violenta as estruturas estatais e nacionais de participación e decisión política? Así mesmo, son intercambiables a solidariedade internacionalista entre cidades e unha estratexia municipalista europea, capaz de asaltar os ceos da austeridade, a xenofobia, o colonialismo e a guerra?

Presentación e moderación: Raúl Sánchez Cedillo