Cargando Eventos
  • Este evento ha pasado.

O termo “municipalismo” converteuse nunha palabra de moda. Son cada vez máis os actores políticos e partidos que se recoñecen nel ou que o utilizan para referirse ás dinámicas propias da escala local, mais case sempre de xeito difuso, sen concretar demasiado cales puideran ser as determinacións prácticas e políticas escondidas tralo concepto. Algúns discursos poñen o acento na acción institucional dos concellos, na apertura de canles de participación cidadá e xestión transparente, referíndose ás posibilidades que brindan os concellos á hora de aplicar unha gobernanza de proximidade -presumiblemente máis democrática-. Con todo, “municipalismo” non é un significante baleiro nin un faiado semántico no que poida ter cabida calquera cousa. Como tradición histórica remóntase ao século XIX, nunha liña que ten expresións políticas tan ricas e diversas coma as que van dende o federalismo, o “juntismo” ou o cantonalismo ao movemento libertario e logo ao feminismo e ao ecoloxismo. A clave de bóveda deste movemento histórico é o autogoberno: a ruptura da división existente entre gobernantes e gobernados.

Pensar hoxe no autogoberno como tendencia do municipalismo require plantexar cuestións que desbordan con moito o plano institucional. Require pensar máis alá dos concellos, ligando as experienciais institucionais aos conflitos sociais existentes, intentando conectar un arquipélago de contrapoderes con actores diversos. Por iso, non se trata tanto de “participar” como de actuar en común dende unha perspectiva antagonista. Ensanchar a democracia -transformar o réxime do 78- esixe un impulso que siga cuestionando a lóxica da representación e redistribúa o poder, rachando o “monopolio institucional” das decisións lexítimas para socializar as mesmas de forma comunitaria.