
- Este evento ha pasado.
Liberdade de movemento e acceso á renda
14 Outubro, 2017 // 10:30 - 12:30
As fronteiras néganlles dereitos ás persoas que se atreven a cruzalas, vencellando ademais o acceso á cidadanía con estar en posesión de emprego. Este mecanismo (sen cidadanía non é posible acceder a un traballo con contrato, e sen contratación non hai papeis) condena as persoas a empregos precarios, “pagos en b” e á clandestinidade, negando o acceso a dereitos elementais. Ante esta situación o acceso a un emprego implica moito máis que o mero acceso á renda. O obxectivo desta discusión consiste en vencellar o desafío de atravesar as fronteiras coa busca de camiños que permitan sortear os obstáculos que aquelas erixen para facerlles practicamente imposible un proxecto de vida digno ás persoas “sen papeis”.
Nesta discusión terán protagonismo experiencias como as das cooperativas DiomCoop (Barcelona) e Senda de Cuidados (Madrid). Tamén as propostas impulsadas tanto pola Plataforma de Defensa do Rastro de Zaragoza como pola Renda Básica Municipal, iniciativas ambas que perseguen obxectivos comúns de acceso a renda para persoas autóctonas e estranxeiras, para persoas con e sen papeis. Sen dúbida este tipo de transversalidade de loitas é un factor imprescindible para o movemento municipalista. Porque en pobos e cidades onde a composición é diversa, onde as poboacións proceden de orixes e culturas distintas, un movemento de profundización democrática como é o municipalismo só pode ser mestizo.