Cargando Eventos
  • Este evento ha pasado.

“A batalla (global) da sostibilidade gañarase ou perderase nas cidades”, como dicía no acto de clausura do Cumio de Río de 1992 o seu secretario xeral, Maurice Strong. Atopámonos nun momento histórico de cambio, produto da crise multidimensional na que estamos (política, económica, social, medioambiental, cultural, de coidados…) e que nos obriga a emprender cambios urxentes se non queremos abocarnos a escenarios nada prometedores. O cambio climático e a escaseza de recursos enerxéticos (especialmente os de carácter fósil: petróleo, gas e carbón) xa son unha realidade cuxos efectos son cada día máis patentes: perda da biodiversidade, migracións climáticas, guerras polos recursos… Enfrontados a esta situación é preciso construír novos modelos de gobernanza que elaboren follas de ruta capaces de superar as lóxicas neoliberais das últimas décadas, e cuxo modelo de produción e consumo desaforado conduciunos ao actual desbordamento dos límites da capacidade do planeta.

Aínda que se trata sen dúbida dun proceso global planetario, como se apunta en A Gran Encrucillada, “as cidades son un factor clave en relación, polo seu potencial de influencia como pola necesidade de asimilar as transformación que se implementarán á hora de abordar os correspondentes cambios”. O desbordamento dos límites biofísicos do planeta fai urxente e necesario, a todos os niveis e de xeito coordinado, o debate e a planificación de plans de transición enerxética que nos axuden a imaxinar as sociedades postpetróleo ás que nos diriximos. Neste sentido, a relocalización no senso máis amplo da palabra é unha lóxica que se imporá e necesitará da capacidade dos municipios para reorganizar os seus propios territorios. Esta proposta invítanos a pensar nas estratexias políticas, económicas, medioambientais e sociais que debemos impulsar para garantir a democracia, a sostibilidade e a xustiza global, fronte ás evidencias de colapso civilizatorio e o risco de dirixirnos cara a novos fascismos.