Cargando Eventos
  • Este evento ha pasado.

As experiencias de propiedade colectiva e de xestión comunitaria de recursos urbanos foron unha constante ao longo da historia. As prácticas de colectivización de recursos naturais ou de medios de produción fabrís, o cooperativismo e a construción do patrimonio popular, forman parte da nosa existencia e das traxectorias que marcaron o rumbo das nosas cidades. A historia moitas veces descoñecida ou que foi invisibilizada nos relatos que describen as cidades como motores de desenvolvemento poboadas por emprendedores individuais que buscan o seu destino no mercado capitalista.

Do mesmo xeito que fronte aos procesos de mercantilización do traballo organizáronse institucións sindicais, fronte aos procesos de explotación do territorio, producíronse prácticas de reapropiación do espazo público e de cuestionamento do modelo urbano capitalista. Esas prácticas son os comúns urbanos, que toman diversos xeitos segundo o territorio e o momento. Nesta charla debate quérense compartir algúns procesos históricos e actuais, para coñecer mellor que son os bens comúns e que relación teñen co municipalismo. Coa fin de evitar pensar no municipalismo como algo que se esgota nos gobernos locais, trátase de practicar a colectivización máis alá das promesas garantistas do Estado.