Cargando Eventos
  • Este evento ha pasado.

Xa sexa como límite, ou como problema, a cuestión da organización non deixou de irromper de forma recorrente nas contornas municipalistas. O baleirado de espazos, bloqueos institucionais e enfoques ambivalentes ante o conflito, sumados á perda de vínculos cos movementos do territorio, sinalan unha serie de contradicións non resoltas no seo do municipalismo. Contradicións de signo orgánico e estratéxico. A cuestión non é menor, pois involucra os modos de facer e estar, tanto dentro do ámbito institucional como fóra do mesmo, así como o papel dos diferentes axentes políticos e sociais que pugnan por transformar a realidade dende a escala local. Por iso, máis alá da celeridade do ciclo electoral e o predominio do paradigma esencialmente comunicativo -ese aire de campaña perpetua-, a cuestión (ou contradición) central fúndase na ausencia dunha cultura política sólida -unha cultura comunitaria e antagonista- que permita facer cristalizar formas organizativas flexibles: lugares de encontro onde colexiar estratexias e accións comúns. Ou, por dicilo doutro modo, o que falta é un ámbito de discusión estable e compartido que sirva como nexo para quen recoñece no muncipalismo unha hipótese política que apunta cara o autogoberno.
Como pensar entón unha organización máis alá da forma-partido, unha organización en movemento? Como construír comunidades en loita capaces de abrir as institucións a outras lóxicas e subordinar o marco da representación? Isto é, socializar e distribuír o poder máis alá de si mesmas. Para isto debemos entender o conflito dende dúas perspectivas: como tensión de ruptura -negación do existente- e, dende unha óptica creativa, como construción de vínculos, axencia e comunidade. Ao longo do taller exploraremos que pode ser unha organización en movemento -unha comunidade diversa e heteroxénea en loita- a través de diversas experiencias.