
- Este evento ha pasado.
Quérennos en soidade, téñennos en común
14 Outubro, 2017 // 10:30 - 12:30
Unha proposta coa que lle queremos dar voz e, sobre todo, corpo ás mobilizacións veciñais na defensa do ben común, da vida. Coñecer as resistencias das que visualizan a inxustiza existente tras a cidade capitalista. Coñecer as arelas daquelas que pulan por colocar a vida e os dereitos sociais de todas no centro. Reflexionar sobre a solidariedade e o apoio mutuo como ferramentas fronte á represión das que traballan pola xustiza social.
Partiremos da realidade vivida en Coia, exportable a moitos barrios e periferias doutros territorios nos que persoas buscan o calor colectivo para seguir vivas.
Como nos reprimen?
Nos barrios da periferia, no noso caso Coia, a represión é algo que vai máis alá da Lei Mordaza.
A violencia está no xermolo destes espazos pensados para servir aos poderes, nos que as vidas dos seus habitantes apenas importan. Para conseguir uns mínimos que permitan a vida (sumidoiros, semáforos, escolas, espazos verdes, emprego, axudas sociais…) hai que pelexar e rabuñarllos áos que non os queren permitir.
Ás veces a súa violencia exprésase en denegar unha RISGA ou no embargo dos escasos euros que entran nas contas bancarias. Outras toman forma de notificación na que se nos informa de que a axuda municipal para alugamento foi denegada.
Ben coñecida é a violencia policial en forma de acoso nas rúas, cacheos… Policía que ás veces amosa a súa carraxe sancionándonos por tocar a bucina do carro nunha rotonda como xesto de apoio ás compañeiras.
Ás veces a represión tórnase máis dura e chegamos ás cadeas onde esta se volve aínda máis crúa.
Nese contexto tratamos de argallar dinámicas colectivas de apoio que nos permitan sosternos cun chan cada vez máis minguante.