Cargando Eventos
  • Este evento ha pasado.

Os municipios son espazos clave dende onde comezar a impulsar a reconstrución da resiliencia local fronte aos retos globais aos que nos enfrontamos. Trátase da tan necesaria transición cara a cidades postcarbono. Os duros escenarios de loita polos recursos e de supervivencia fronte a condicións realmente extremas aos que os nosos territorios se poden enfrontar nunhas poucas décadas (e que desgraciadamente levan vivindo outros territorios dende hai tempo), obrigan a marcarnos follas de ruta a curto e medio prazo para minimizar o seu impacto e facer das nosas contornas espazos máis vivibles. Así, a partir do diagnóstico clave (o cambio climático, o esgotamento de recursos fósiles, a perda de biodiversidade e o sobrepaso dos límites planetarios) traballarase en propostas concretas dende os municipalismos. Plans de transición enerxética, programas para a relocalización da economía, cambios no modelo alimentario e de consumo, plans de redución e xestión de residuos… serán posibles eixos temáticos a traballar neste taller.

Este taller pretende ser un espazo de xeración colectiva de propostas a partir tanto da experiencia e coñecemento da persoa que o dinamiza, como das propias experiencias xa existentes nos municipios. Un lugar para compartir saberes e a conformación de liñas estratéxicas, así como plans de accións de directa aplicación. A procedencia de persoas asistentes ao taller é aberta e heteroxénea, sendo de especial interese tanto aquelas que formen parte de candidaturas municipalistas, e que polo tanto teñan poder de execución das propostas, coma persoas de movementos e organizacións sociais, que poden promover procesos de concienciación e demanda popular.